O retorno a Ítaca (Vilanova dos Infantes) de MÉNDEZ FERRÍN
A UN MEU FILLO

Cando regreses a Vilanova dos Infantes
depois de visitares terras sen número
recoñocerás que as cousas son máis pequenas e encolleitas
do que ti lembrabas
pro o teu cor moito máis grande porque nel entrara o mundo.
Cando regreses a Vilanova dos Infantes
despois de que o teu esprito tivera amado
co vigor azul veludo do papilio manchaon e outras grandes bolboretas
e nos teus ollos se cebara o ferrete dos mil velenos inimigos,
atoparás irónico o xesto do Castromao, do Furriolo e outras
montañas que encadran a tua patria coa fidel constancia
de quen é manso, tutelar e interno.
Cando regreses a Vilanova dos Infantes
e entres na casa que fundaron os teus antergos
con lucidez e traballo imprecisábel,
notarás a benvida dunha brétoma insidiosa
a velar cada obxecto como visto entre bágoas;
música haberá en escadas, olas, pipas, lámparas e espellos ou ecoar
de labores que hai cen anos alí houbo e nun repente
prorrompen nos teus ollos alapeados.
Cando regreses a Vilanova dos Infantes
e os canastros, as profundidades das adegas,
o terror dos subterráneos onde son as trabes de ouro e de alquitrén,
a derrota das murallas no Arrabaldo, o agurgullo
da Fonte de Baixo, a morte enguedellada en cada corredor
derruído, achegen a ti a man pálida dos antanos amantes,
na tua res domeada polo peso do sentido
choutará un alustre de namorada tristura
como que alumea un facho de luz verde e arcaica.
Cando regreses a Vilanova dos Infantes
tremeránche os xoenllos
do corazón e na alta noite a inmensa lua chea
iluminará pra ti a clave do labirinto
e o teu pai sorrirá dende o frío sepulcro
porque terás conquerido o que ti es
e poderás cantar en Tra-la Cerca como cantou o poeta
dos antanos de Francia:
"Feliz aquel que, tras de percorrer, como Ulises,
as mil aventuras dos mares do mar
e dos mares da paixón vermella arrebatada;
ou aqueloutro que, navegando o Ponto na percura procelosa,
máis que un Año de Ouro, acadou a ledicia innumerábel
da Misión e da Viaxe comprida:
tras cortar incidentes coma rosas
retorna a Vilanova dos Infantes completo de sabiduría."
XOSE LUIS MÉNDEZ FERRÍN (Del libro ‘O fin dun canto’)
LECTURAS A LA SOMBRA DE UN COCOTERO La bitácora de poesía y cosas aledañas de ELOÍSA OTERO










