‘A crise irredutible’, novo libro de poemas de ALBERTE MOMÁN
Da páxina de ALBERTE MOMÁN:
Veño de facer as últimas modificacións dun outro libro de poemas, ‘A crise irredutible’, no que falo subxectivamente, xa non da crise económica que soportamos, trasladada das entidades de creto, senón daqueloutra que nos define como individuos sociais, e que marca a sociedade que estamos a crear. Agora, tan só queda quen o publique, por suposto. Sen medo ao mercado editorial, de non ser desexado, atoparase, a medio prazo, nunha edición persoal.
pertenzo ás fronteiras do medo
á crise eterna
irredutible
pertenzo e pertencemos
nós
a un país sen estela propia
cincento
e inseguro
aplacado polo desexo asumido
de ser como a xente
ALBERTE MOMÁN
~ ~ ~
Pois ben:
Da man do Consorcio Editorial Galego S.A. chega ás librerías do país ‘A crise irredutible’, novo libro de poemas de Alberte Momán.A mediados dun 2008 convulso, buscando unha maneira de expresar a dor por uns acontecementos que superaban toda a racionalidade e coherencia política da presuposta esquerda galega, xorde dun conflito laboral o ‘Síndrome de Estocolmo’, a segunda parte d’A crise. Outro tipo de renuncia, desta volta, a toda unha clase. As relacións imposibles como atrainte dun magnetismo insospeitado entre traballador e empresario. Un cambio de visión, por parte do primeiro, recalcitrante, máis burgués que a propia burguesía, menos fillo de labrego que o máis asfáltico urbanita. Un traballador que adopta os canons de comportamento daquel que o mantén debaixo dun sempre hipotético xugo. Da miña cornamenta roma/ sobresae o teu xugo/ alicerce que noutrora nutrira as miñas virtudes. Os comezos deste ano 2009, deron pé ao que eu mesmo considerei unha culminación. As palabras saían das xemas dos meus dedos, evitando a autocensura, para chegar máis alá, para finalizar co traballo comezado anos atrás. Xorde ‘A crise irredutible’, última das partes desta crise, e fracción que lle dá nome ao libro. Nela, recóllese un compendio de todo o antedito, mais sen o intimismo propio doutras épocas, para recuncar na crise, nesa crise de anos que nos detivo no tempo, na involución subxacente ás nosas propias decisións como pobo, como traballadores e traballadoras, inmersos nunha globalización que serve de escusa para a eterna derrota, cun desexo asumido de ser como a xente.
Alberte Momán, nado en Ferrol no 1976, é autor de:
‘O lobo da xente’ (Premio Narrativas Quentes. Edicións Positivas. 2003)
‘O alento da musa’ (Difusora de Letras Artes e Ideas. 2007)
‘Ferrol e o que queda por chover’ (Lulu.com. 2008)
‘Erótica’ (Premio de poesía Francisco Añón. 2004) Edición en galego-portugués de Lulu.com no 2008
‘Baile Átha Cliath’ (Premio de poesía erótica Illas Sisargas. Caldeirón. 2008)

LECTURAS A LA SOMBRA DE UN COCOTERO La bitácora de poesía y cosas aledañas de ELOÍSA OTERO










